A UNED négalle ao cangués Héitor Mera o dereito a ler a súa tese en galego

J. Santos

CULTURA

09 oct 2008 . Actualizado a las 18:58 h.

O filólogo cangués Héitor Mera ten presentada na Universidade a Distancia a súa tese de doutoramento sobre a vida e a obra do poeta Bernardino Graña, pero non a pode ler porque a UNED négalle a posibilidade de defendela utilizando o galego.

A decisión está amparada nunha norma aprobada o 28 de marzo do 2008 que aparece recollida na propia web da UNED. No apartado dedicado á normativa sobre a presentación de teses de doutoramento, faise unha referencia explícita á lingua na que teñen que ser redactadas.

Norma na web

Tal como recolle a web, a Comisión de Investigación y Doctorado acordou na citada data o seguinte: «Los doctorandos pueden redactar, y presentar, la tesis doctoral en castellano o en cualquier otra lengua, oficial, extranjera, siempre que así lo autorice la comisión de doctorado del departamento correspondiente».

É a norma que esgrime a comisión para negarlle a este investigador cangués a posibilidade de defender a súa tese en galego e así llo comunican mediante un correo electrónico que recibiu o pasado mes de xullo.

Héitor Mera tiña presentado antes, no 2003, a súa tesiña sobre a peza teatral do mesmo autor, Bernardino Graña, Vinte mil pesos crime. Foi inicialmente rexeitada por estar escrita en galego. Os deputados do BNG Francisco Rodríguez e Olalla Fernández presentaron á súa vez unha pregunta no Congreso e recibiron por resposta que na UNED non había ningún problema coas linguas das comunidades autónomas. Mera obtivo entón o Diploma de Estudios Avanzados.

«Eu entendín que ese precedente abría as portas para facer a miña tese en galego», di Héitor Mera. No 2005 presentou o proxecto. A dirección do traballo asumiuna o profesor asociado da UNED Manuel Rodríguez Alonso.

En galego e castelán

O proxecto foi aprobado. Héitor Mera presenta este ano en depósito a tese. Esíxenlle que a acompañe dunha tradución ao castelán para poder defendela. Presenta a tradución. Finalmente, en xullo deste ano, lle indican que ten que ler a tese en castelán.

Os parlamentarios nacionalistas Carlos Aymerich e Bieito Lobeira saen en defensa do dereito do filólogo cangués e preguntan que medidas pensa adoptar a Xunta para garantir os dereitos dos estudantes e docentes galegos na UNED e, máis concretamente, sobre as iniciativas que vai levar a cabo para que a Universidade a Distancia «deixe de prohibir a presentación e defensa de teses de doutoramento en lingua galega».

Os deputados amosan no escrito o seu malestar polo trato dispensado ao galego por parte da UNED, inferior, din, a «calquera lingua estranxeira».

As preguntas están aínda pendentes de ser debatidas na correspondente comisión parlamentaria.