O autor chantadino ofrece unha audaz teoría sobre o pasado local no seu libro «Chantada na historia»
O escritor e xornalista chantadino Afonso Eiré presentou onte na súa vila natal o libro Chantada na historia , no que recolle as súas longas investigacións sobre o pasado do municipio e no que expón algunhas teorías audaces sobre os viños da Ribeira Sacra.
-¿Cando comezou a estudar a historia da súa terra natal?
-Comecei a interesarme pola nosa historia con 7 anos, cando me regalaron o libro Apuntes para la historia de Chantada , de Manuel Formoso Lamas. Desde entón ando a matinar nestas cuestións e decidín escribir este libro porque non hai ningunha obra que ofreza unha visión xeral da historia chantadina e que sexa accesible para calquera lector. Hai estudos moi completos sobre certos aspectos da historia local e utiliceinos para este traballo, pero sobre outras cousas non había nada publicado e tiven que facer as miñas propias investigacións.
-¿Cales cre que son as principais novidades sobre a historia local que ofrece o seu libro?
-Por exemplo, hai moitos datos sobre a historia da construción do encoro de Belesar -un asunto sobre o que non se publicara nada-, sobre a emigración masiva a América que houbo a finais do século XIX e principios do XX.... Pero un aspecto desta obra que me parece especialmente interesante non é propio só de Chantada, senón que afecta a toda a Ribeira Sacra. Trátase da exportación de viños desta zona a Roma na época imperial.
-Pero os arqueólogos e os historiadores negan que os viños galegos fosen exportados a Roma naqueles tempos.
-Eu tamén fun escéptico nese sentido, pero fixen as miñas investigacións e podo asegurar que encontrei alusións aos viños das terras do Miño en obras de autores antigos como Estrabón e Plinio. Ora ben, o que me parece máis importante nese asunto é que creo que descubrín a razón pola que levaban os viños da Ribeira Sacra a Roma.
-¿E cal era esa razón?
-Non era por motivos económicos, porque non podía ser rendible transportar viño a Roma desde unha rexión tan afastada. Deille moitas voltas ao asunto e creo que a explicación é de carácter sexual. É dicir, cheguei á conclusión de que o viño da Ribeira Sacra era un afrodisíaco para os romanos. É sabido que consideraban o ouro como un excitante sexual e que por iso o botaban nas comidas. E por outro lado, ás augas do Miño chamábanlles «ouro líquido», sen dúbida porque esta era unha zona aurífera. A miña teoría é que pensaban que o noso viño tiña propiedades excitantes por criarse nunha terra abundante en ouro e que por ese motivo o levaban a Roma, para consumilo nas súas bacanais.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios