«Animálgama», novo poemario do carballés Ramón Sánchez

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

É a súa primeira incursión no público infantil. Ilustra a obra Lucía Barros e edita Antela

17 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Trouxo este comezo de 2024 varias novidades literarias, entre elas Animálgama, unha obra do carballés Ramón Sánchez (1975), músico, poeta, autodidacta. Logo dos seus poemarios Descender pola nádega da montaña e Vagar de naúseas, ambos do 2020, esta é a súa primeira achega ao libro infantil, mais sen salir da poesía, porque o que integra Animálgama son nove poemas que, sempre cos animais como protagonistas, narran historias na súa maioría disparatadas, hilarantes e, en moitos casos, ata irreverentes, informa o autor.

«Todas estas historias están contadas sempre cun ton divertido, xa que esa era a idea deste poemario dende a súa concepción», traslada. «Con este álbum ilustrado preténdese achegar o mundo da poesía á cativada dun xeito diferente, ameno e divertido», engade. Publica esta obra Antela Editorial, de Ourense, con sede en Vilar de Barrio, unha publicación da que tamén é fundamental Lucía Barrios, ilustradora (Lugo, 1982) quen captou á perfección a esencia do texto, resultando unha coidada edición. A distribución da obra é nacional, e pode ser mercado tamén vía web, a través da páxina editorial, ou ben dos autores. Antela aposta nas súas edicións por talento local e polo traballo con empresas galegas, para que os beneficios fiquen tamén aquí.