Delenda est efobia

CULTURA

26 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitos séculos, un escritor romano, Catón o Antigo, proferiu unha admonición que aínda hoxe citan os latinistas: «Delenda est Carthago», que, no noso román paladino, debería traducirse como «cómpre (é necesario) destruír Cartago». A fórmula tivo éxito mesmo cando Cartago xa non era un perigo para a política da vella Roma. En 1930, cando daba as boqueadas a ditadura de Primo de Rivera, alguén que se chamaba don José Ortega y Gasset encabezou un celebérrimo artigo seu co título Delenda est Monarchia (cómpre destruír a monarquía), e foi, daquela, así.

Eu, hoxe, parafraseo a vella fórmula latina para referirme a unha gravísima eiva lingüística que contamina a substancia fónica do idioma galego e sobre a cal teño publicado, neste xornal, algunha que outra sátira: «Delenda est efobia». Chamaba e chamo efobia á aversión que teñen moitos falantes non rurais á conxunción copulativa e (pan e viño), que pronuncian acotío «pan i viño», con ese i que é unha subela chantada no corazón da fonética galega (fano incluso profesores que escriben «Pobo e lingua»).

Así se titulou o Manifesto dos cento setenta que eu, por encargo da Fundación Premios da Crítica-Galicia, redactei e lin, en Lestrove, o 24 de febreiro do 2007, data na que, daquela, se celebraba o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a escritora que afirmou, no seu día, que a poesía galega era «toda música e vaguedade [sic]».

No Manifesto dos cento setenta (logo, chegaron moitas adhesións), o pluralismo era notorio: Gonzalo Amoedo (policía local), Xosé Manuel Beiras (catedrático), Francisco Fernández del Riego (polígrafo), Benedicto (cantante), Gonzalo Jar Couselo (xeneral da Garda Civil), Bieito Ledo (editor), Ramón Lorenzo (filólogo), Xosé L. Méndez Ferrín (escritor), Alfonso Nogueira (canteiro), Antón Pulido (pintor), Xesús R. Abuín (sindicalista), Isaac Otero Rivero (labrego), Susana Núñez (ama de casa), Luciano Varela (maxistrado do Tribunal Supremo), etcétera.

Como len, hoxe, nas aulas, esta nobre e etimolóxica conxunción? Oíron na aldea, cátedra e norma da fala, algunha vez, a prodixiosa salutación popular Saudiña e cante o merlo?