O CDG sobe o teatro a un camión para achegarse a máis de cen concellos

Montse García Iglesias
Montse GArcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Montse García

«De Vilatriste a Vilalegre» inicia a andaina o día 12 en Negueira de Muñiz

09 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foi co espectáculo Woyzeck na Coruña o 24 de agosto de 1984 cando o Centro Dramático Galego (CDG) tivo o seu primeiro contacto co público. Este, tal o como lembrou o actual director da compañía pública autonómica, Fran Núñez, chegara unhas semanas antes do que aquela produción propia. Foi en xullo de 1984, coas rúas de Vigo como escenario, cando se estreaba Festa rachada, unha coprodución con Titirití. Agora que o CDG conmemora o 40.º aniversario do seu nacemento, a plataforma escénica da Xunta quere «recuperar ese espírito de saír á rúa e ao encontro coa cidadanía», resaltou Fran Núñez. Con ese obxectivo pon en marcha De Vilatriste a Vilalegre, un espectáculo itinerante no que un camión se transforma en escenario para achegar o teatro a máis dun cento de concellos desde este domingo ata o 15 de setembro. «Temos que dar servizo a todo o país», afirmou Fran Núñez.

A proposta é unha coprodución da compañía da Xunta con Teatro ó Cubo a modo de «teatro sobre rodas» que se pode achegar a calquera recuncho, incluso a aqueles municipios que non conten con infraestrutura escénica. No espectáculo danse a man actores e monicreques para «falar da realidade no medio rural galego e das utopías» empregando para iso un humor satírico, detallou a súa codirectora, Sofía Espiñeira, durante a presentación do proxecto no xardín do teatro da Cidade da Cultura nun acto presidido polo conselleiro de Cultura, José López, ao que tamén asistiron representantes de parte dos concellos polos que pasará este camión. A montaxe escénica aborda a realidade social do campo galego a partir da historia de Vilatriste, onde se instalan uns novos habitantes que son recibidos con estrañeza e desconfianza por parte da veciñanza.

De Vilatriste a Vilalegre, que está protagonizado por Uxía Algarra e Roberto Casal Mouriño tamén codirector da montaxe—, toma como inspiración o universo dos cómics, de aí a presenza de heroes e viláns. «Queremos reivindicar a fantasía, falar de realidades pero desde un mundo fantástico», salientou Sofía Espiñeira, que engadiu que outros dos obxectivos que se marcaron é que poidan gozar da proposta desde os pequenos a xente de mediana idade ou xa maiores, «de xeito que cada un terá a súa propia lectura». Tamén incidiu que este proxecto baseado no texto de Roi Vidal Ponte reivindica a sinxeleza.

ALBA FURELOS

O camión de A utópica rodante iniciará a súa andaina na tarde deste domingo no concello lucense de Negueira de Muñiz para a partir de aí percorrer Galicia, dirixindo unha especial atención ás provincias de Lugo e Ourense, que acollen a metade das representacións. Ademais, o 2 de xuño tamén chegará a Lubián (Zamora). O conselleiro José López subliñou que este espectáculo itinerante impulsado desde o CDG está en consonancia coa filosofía do Goberno galego de achegar a cultura tamén aos concellos menos poboados e máis afastados dos principais núcleos urbanos. «O teatro pode servir como nexo de unión», afirmou, salientando o traballo desde a unidade de produción teatral para levar esa programación por todo o país.

De Vilastriste a Vilalegre súmase á actual representación de Os actos e as profecías no Salón Teatro, o espectáculo central do CDG neste 40.º aniversario e no que reúne a vinte intérpretes en escena. Neste caso, para favorecer que máis público poida gozar da montaxe que toma como punto de partida os concursos de talento televisivo, a compañía pública pon servizo de autobuses desde distintos concellos ata a súa sede en Santiago. A peza conta con funcións de mércores a domingo (venres e sábado hai sesión dobre) ata o vindeiro día 26.

O calendario

Despois de Negueira de Muñiz, De Vilatriste a Vilalegre recalará en Monfero (día 14), Meaño (16), Redondela (17), Ribeira (18), Cambados (18), A Estrada (19), A Pobra do Brollón (19), Moaña (24), Alfoz (25), Cervo (26), Lousame (26) e Nigrán (31). Xa en xuño, o escenario rodante parará en Paderne de Allariz (día 1), Lubián (día 2), Brión (7), Mondariz-Balneario (8), Illa de Arousa (9), O Páramo (10), Carral (13), O Valadouro (15), Vilamarín (16), Becerreá (20), Covelo (21), Mos (22), A Peroxa (22), Monterroso (23), Oroso (26), San Cristovo de Cea (27), Mondariz (28), A Guarda (29) e Cangas (30). Pola súa banda, en xullo estarán Toques (1), Portas (3), O Rosal (4), Val do Dubra (5), Ribadumia (5), Couto Mixto (6), A Baña (9), Bueu (9), O Vicedo (10), Cenlle (11), Allariz (12), Monterrei (13), Samos (14), Dumbría (16), Culleredo (16), Taboada (Lugo), Chantada (18), Vilamartín de Valdeorras (20), Pantón (20), Cortegada (21), Cerdedo-Cotobade (22), Moraña (23), Rodeiro (24), Celanova (25), Laxe (26), Crecente (27), Betanzos (28), A Rúa (28) e Curtis (30). Xa en agosto chegarán a Arnoia (1), Avión (2), Muíños (3), Beade (3), A Pobra de Trives (4), A Veiga (6), A Merca (7), Baleira (8), A Fonsagrada (9), Castro de Rei (10), Quiroga (11), Lugo (11), Rábade (12), Ponteceso (13), Rianxo (13)), Boiro (14), Cedeira (14), O Irixo (15), Xunqueira de Ambía (16), Ribas de Sil (17), Castroverde (18), A Cañiza (20), Sarria (21), Palas de Rei (22), Rubiá (23), Friol (24), Guntín (25), Trazo (26), O Grove (28), Xove (29), Irixoa (30), Vilarmaior (30), O Saviñao (31) e Frades (31). Xa na recta final, a principios de setembro, o espectáculo poderá verse en Santa Comba (día 1), Silleda (5), Barro (6), Vimianzo (7), Oia (13), Sober (14) e pechará en Catoira (día 15). Hai xornadas con actuacións en dous puntos ao celebrarse unha pola mañá e outra pola tarde.