María Negredo: «As clases maxistrais cansan, eu fomento a fala e a participación»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Colabora coa AED, en workshops coa metodoloxía Lego Serious Play, no plan PIE

27 abr 2024 . Actualizado a las 10:34 h.

Naceu fóra de Galicia, concretamente en Soria, pero chegou á comunidade con só dous anos polo que María Negredo Vázquez di sentirse «unha galega moi orgullosa de selo». Gusta de buscar novos xeitos de axudar ás persoas que están nalgún eido formativo polo que, ademais de formadora, orientadora laboral e psicóloga, é facilitadora certificada Lego Serious Play; metodoloxía que ven empregando en workshops na Asociación de Empresarios de Deza (AED) con persoas participantes no PIE (Plan Integral de Emprego).

—A que se dedica exactamente?

—Adícome a impartir formacións que favorezan o emprego. Isto pasa dende ofrecer recursos e ferramentas para que aprendan unha estratexia de búsqueda de emprego eficaz, ata mellorar as competencias brandas que lles faciliten o acceso ao posto de traballo que queren. E como o fago? Pois a través da formación, facilitando os procesos de aprendizaxe e utilizando metodoloxías lúdicas, como é o Lego Serious Play ou ABX (Aprendizaxe Baseada en Xogos).

—Facía mención ás competencias brandas, a que se refire?

—Son aquelas que non están relacionadas directamente con coñecementos técnicos específicos. Son competencias brandas a comunicación, a adaptabilidade, o traballo en equipo, o liderado, a asertividade... Ademais unhas están relacionadas con outras, o que converte as competencias nunha especie de rede interconectada. Son esenciais, e cada vez máis valoradas no ámbito laboral. É moi frecuente que se teñan en conta nos procesos de selección de aí a importancia de formarnos nelas porque non chega con poñer no currículo a listaxe de competencias, haberá que demostralas. Unhas das causas polas que se pode perder un posto de traballo é precisamente por non ter as soft skills necesarias.

—Que papel xoga unha formadora de soft skills entón?

—A nosa principal función é facer que as persoas tomen conciencia da súa importancia no seu desenvolvemento non só profesional senón tamén persoal. O seguinte paso é detectar as que precisan para o seu desempeño profesional, as que teñen, das que carecen ou as que están menos desenvolvidas. Chega logo a fase de adestramento, porque ao contrario do que pensan moitas persoas, todas as soft skills se poden mellorar coa práctica. Hai xente, por exemplo, que cre que non é creativa e o di como se fora algo que non se pode cambiar e non adestra esa competencia, prodúcelle rexeitamento... O camiño que debería facerse é xusto o contrario. Se non son creativa, debería de fomentar esa creatividade con formación, aprendendo técnicas que a melloren. Iso é o que fago nas miñas formacións. O mesmo pasa coa comunicación, o traballo en equipo ou calquera outra competencia.

—Como se aplica todo isto no eido formativo?

—Adáptome ás necesidade das organizacións para as que traballo. Se vai encamiñada a persoas que buscan emprego traballo no aspecto de identificación de competencias ou sector no que se queren desenvolver.

—Na AED celebrou workshops coa metodoloxía Lego Serious Play no PIE, como foi a acollida?

—Moi boa. Traballamos a creatividade e como mellorar as habilidades persoas na busca de emprego, e a motivación analizando as causas e aprendendo estratexias para aumentala e mantela. Síntome moi satisfeita polos resultados apreciados.

—A impresión ao ver os legos...

—(Ri). Hai moita sorpresa ao ver que imos traballar con pezas de lego, ou con xogos de mesa, pero as persoas están cansas das clases maxistrais, e eu fomento a fala e a participación. Senten que aportan e valóranse.

«Estes métodos axudan a combater a desmotivación e a falta de interese no alumnado»

María Negredo Vázquez (hola@marianegredo.es), que leva tempo colaborando coa Asociación de Empresarios de Deza; máis especialmente co persoal técnico do programa PIE que se encarga de deseñar os itinerarios formativos para as persoas participantes e encomiando o traballo que levan a cabo; encárgase de impartir aquelas formacións que necesitan, levando á aula máis cunha solución de problemas «un espazo para que as persoas reflexionen sobre a situación na que se atopan nese momento», comenta.

Entende que iso é fundamental ao atoparse con que as persoas queren buscar solucións «pero non visualizan onde está a orixe do seu problema, ou non ven o problema dende todos os ángulos». Recoñece a facilitadora certificadora Lego Serious Play que a solución non é inmediata, «pero esta metodoloxía pode axudar a clarificar onde poñer o foco para comezar a darlle unha solución».

Neste punto cabe aclarar o que é unha facilitadora certificada Lego Serious Play, por se queda algunha dúbida; «é unha persoa adestrada nunha serie de técnicas estruturadas que lle permiten deseñar e facilitar sesións individuais ou grupais a través de pezas lego», explica María. Estamos ante unha metodoloxía que tamén se pode levar ao terreo da infancia e da adolescencia. «Imparto obradoiros en institutos dirixidos a alumnos e profesorado, e alí onde haxa persoas podemos traballar cos legos. Hai centros moi implicados en levar metodoloxías innovadoras ao seu alumnado, para combater a desmotivación que detectan e a falta de interese ademais de poder conectar coa xuventude. Xeralmente traballo con persoas adultas, polo que ver o punto de vista da xente moza é moi enriquecedor», comenta a formadora.