O terror en Galicia é un conto de medo

FUGAS

Os escritores Agustín Fernández Paz, Xosé Miranda, Paula Carballeira e Ledicia Costas.
Os escritores Agustín Fernández Paz, Xosé Miranda, Paula Carballeira e Ledicia Costas. Óscar Vázquez / Carlos Cortés, Sandra Alonso / Marcos Míguez

Estes son algúns dos autores que manteñen a curiosidade esperta nesa lareira arredor do lume que é a nosa literatura de medo

02 may 2024 . Actualizado a las 20:07 h.

O medo é libre e na literatura galega camiña ceibe por corredoiras e fragas, alí onde aparece a Santa Compaña, ouvean os lobos, argallan os trasnos ou habitan as ánimas. Á miña memoria vén a avoa Celsa relatando, coma quen non quere a cousa, a lembranza dunha veciña que ventaba as mortes de quen a rodeaba, incluso dos que marcharan moitos anos atrás á emigración. Tamén lle escoitei en repetidas ocasións o relato daquela muller que volvera do máis alá para saldar contas ou da vez que atopou a Santa Compaña vindo de noite coas vacas e como estas se negaban a avanzar vendo a comitiva. Sen dúbida, unha das cousas que máis me impresionaban era a tranquilidade con que transmitía aqueles feitos extraordinarios. Cando me deitaba non podía arredar a mente daquelas ánimas e estaba atenta por se escoitaba algún sinal, pero antes prendía no sono.

Como moitas xeracións anteriores á miña, medrei apegada a esa tradición, por iso desfrutei cando lin Á lus do candil, de Ánxel Fole. Anteriormente, Vicente Risco falara de demos e escribira O lobo da xente, baseada na lenda popular do lobishome. Sen dúbida, para achegarnos a ese acervo popular é imprescindible o Dicionario de seres míticos galegos, que asinan Antonio Reigosa, Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, e que coñece media ducia de edicións. Nesas páxinas aparecen recollidas moitas desas historias de olláparos, sereas, mouros, cobras, orcos ou negrumantes.

Boa parte dos personaxes creados para amedrentar diríxense á cativada: o home do saco, o sacaúntos, o cocón e tantos outros, pois o medo non ten idade, como se pon de manifesto na vizosa literatura infantil e xuvenil que esculca este xénero. Agora que case non hai lareiras nin contos arredor do lume, sabemos de pequenos e pequenas que non renuncian a poñer ao límite o seu medo entre as paredes do seu cuarto.

Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo, foi un dos primeiros éxitos na nosa lingua deste xénero e con el chegoulle ao autor o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. En catro contos inesquecibles sentimos o peso da tradición oral e tamén o do medo, pois un non pensa en verse de fronte coa morte ou en que detrás dunha loba poida haber unha muller. Así avanzamos nas historias contendo a respiración e sen agardar o xiro inesperado do relato.

Agustín Fernández Paz.
Agustín Fernández Paz.

Pola súa parte, Agustín Fernández Paz traspasaba As fronteiras do medo con seis relatos onde a atmosfera nos envolve no desacougo dos feitos. O escritor rende homenaxe a H. P. Lovecraft e concita nestas páxinas a vampiros, monstros ou personaxes con sede de sangue que despezan corpos. Anteriormente xa sentiramos o terror en Cartas de invierno, un dos clásicos da nosa literatura e que leva máis de 100.000 exemplares vendidos. Unha casa encantada onde vive un ser estraño, unha cripta, dúas desaparicións e un maleficio, son os ingredientes perfectos para non deixar de ler aínda que se apodere de nós o medo. E outro éxito entre a rapazada foi As mans do medo, de Xosé Miranda, onde imos descubrindo corpos mutilados, partes deles que teñen vida de seu, aparecidos ou sereas.

Nestes últimos anos, incluso naceron editoriais centradas na literatura de medo, fantasía e ciencia ficción, como Urco, Contos Estraños ou, recentemente, Boadicea. Grazas a estes selos, e non só, podemos ler en galego clásicos doutras tradicións que enriquecen o noso sistema literario. Neste eido destaca Tomás González Ahola, que é un experto en buscar as palabras exactas para traducir doutras linguas o arrepío, o horror, o pánico ou o pavor.

Un dos éxitos dos últimos anos é Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, que consegue desmitificar a morte a través dunha viaxe polo inframundo cunha cociñeira do século XIX e a súa araña, lady Horreur. Outra autora fundamental é Paula Carballeira, cun manexo excepcional do xénero en obras como Trece avisos. Contos para ler pola noite ou O lobishome de Candeán. A gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática confesou ser unha nena medorenta, pero sempre tivo máis curiosidade ca temor e, por iso, gustou destas historias, de contalas e de escribilas, e o feito de que existan misterios é sempre provocador e garante dunha lectura de medo.