O acto serviu tamén de homenaxe a históricos do nacionalismo lucense, exemplarizado en Xesús Méndez
30 sep 2022 . Actualizado a las 12:51 h.O Bloque Nacionalista Galego celebrou no serán do xoves en Lugo o 40 aniversario do seu nacemento, nun acto reivindicativo e conmemorativo celebrado no Hotel Méndez Núñez, no que tamén se presentou o libro «40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022».
No acto, ao que asistiu numeroso público, participou a viceresponsábel comarcal do BNG, Maite Ferreiro; o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela; o militante histórico Xesús Méndez; e a membro da executiva nacional do BNG, Olalla Rodil.
A celebración desenvolveuse nun lugar histórico para o nacionalismo galego, o Hotel Méndez Núñez, xa que nel, en 1918, celebrouse a primeira Asemblea Nacionalista e a publicación do Manifesto de Lugo, onde o galeguismo deixou atrás o rexionalismo e avanzaría cara o nacionalismo.
O acto destacou polo recoñecemento á militancia histórica do BNG nas comarcas de Lugo, «un nutrido grupo de militantes a quen se lles rendeu homenaxe por todos estes anos de loita, coherencia e defensa dos intereses e dereitos do pobo galego».
Entre eles, destaca a intervención de Xesús Méndez, máis coñecido como Suso de Muñís, o que destacou «que celebramos estes 40 anos grazas ao traballo incansábel e a inmesa xenerosidade da súa militancia e base social, que sempre estivo do lado de Galiza contra as agresións e soubo pular polo proxecto de País que merecemos». Méndez incidiu «que o BNG é unha organización que é necesaria para Galiza e continuará séndoo para construír en positivo o futuro de Galiza».
Nesa traxectoria de compromiso con Galiza é precisamente a que recolle a edición da libro «40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022», elaborada polo politólogo Manuel Anxo Fernández Baz e editado pola Fundación Galiza Sempre.
Esta publicación sintetiza, ano a ano, a historia do Bloque Nacionalista Galego, os principais feitos políticos acontecidos en Galicia e as actuacións chave desenvolvidas polo nacionalismo galego ao longo destas catro últimas décadas, e ademais, incorpora unhas 400 fotografías, moitas delas inéditas.