Kiko da Silva: «Roubei dous libros da biblioteca do meu colexio de Gaspariño»

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Coordinado por Kiko da Silva, o mítico personaxe de Xaquín Marín adéntrase no tempo actual con «Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín»

30 jun 2023 . Actualizado a las 19:39 h.

Na que foi a súa derradeira comparecencia pública ao fronte do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega presentou onte Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín. Trátase dunha publicación na que o alumbado do Garaxe Hermético actualiza as ilustracións da persoñaxe de banda deseñada creada por Xaquín Marín que cumprirá 50 anos o vindeiro 2024 mantendo a integridade dos textos orixinais.

Despois de resaltar que se trata da primeira homenaxe a Xaquín Marín, un dos primeiros autores de banda deseñada en reivindicar o uso do galego, Ortega non dubidou en resaltar que a obra «é unha mostra máis do talento do país». A Deputación editou un milleiro de exemplares.

Pola súa parte, Kiko da Silva, coordinador de Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín, revelou que «levo namorado deste personaxe dende o colexio». Neste sentido, precisou que foi responsable da biblioteca da escola, «que estaba nun faiado e tiña goteiras», onde atopou dous volumes «que conservo. Si, roubei dous libros da biblioteca do meu colexio de Gaspariño de Xaquín Marín. Roubeinos, non. Sempre digo que os rescatei porque estou seguro que si quedaran alí dentro estarían podres. Realmente, rescatei tres, dous Gaspariños e un Amadís de Gaula de 1700 e pico. Eses dous libros son un tesouro».

CAPOTILLO

Este proxecto naceu no confinamento polo que se puxo en contacto con Xaquín Marín para pedirlle permiso para facer un traballo de clase cos guions da súa obra. Foi entón cando lle dixo aos alumnos do Garaxe Hermético que escollesen unha tira: «Vamos a reactualizar a Gaspariño, pero a reactualizar a estética, xa non é un neno dos anos setenta, é un neno do século XXI. Non imos cambiar nin unha coma, nin nada do texto orixinal».

Deste modo, demostrou que as tiras de Marín seguen a estar vixentes, o que lle provoca a Kiko da Silva unha sensación «agridoce». Se ben as tiras aguantaron perfectamente o paso do tempo, «ao país que temos aínda lle queda moito por avanzar».

Esquivando a censura

Pola súa banda, Xaquín Marín, quen estivo acompañado polo seu fillo Alexandre, comisario das súas exposicións antolóxicas, remarcou que «empecei a facer viñetas e sego facendo viñetas despois de sesenta anos». Destacou que o feito de empregar un neno como protagonista permitiulle esquivar á censura: «Gaspariño colou e non tiven ningún problema coa censura. Un neno podía dicir cousas que non podían dicir os maiores. Foi un gol para a censura», engadiu precisando que «se antes facía debuxos como churros agora fago churros como debuxos».