Pontevedra aglutina en Culturgal a potencia cultural e creativa de Galicia

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Ata o domingo desenvolveranse no recinto feiral douscentas actividades

02 dic 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

«‘A intelixencia artificial vai acabar coa fotografía, coa pintura, coa ilustración’. Seguro que estades fartos de escoitar predicións tan catastrofistas como estas nos últimos tempos. Non é nada novo. Mensaxes recorrentes con cada revolución tecnolóxica ligada ao mundo da cultura ou a arte. O cinema ía acabar co teatro, os videoxogos co cinema e a realidade virtual cos videoxogos. Spoiler: Non pasou». Con estas palabras, o presidente da Deputación de Pontevedra participou este venres na inauguración dunha nova edición de Culturgal, ao tempo que remarcou que «a tecnoloxía non é inimiga da cultura. É unha socia. É unha ferramenta moi útil para a creación de contidos».

Luis López remarcou que os malos augurios vinculados á intelixencia artificial non se cumprirán «porque carece do talento e da creatividade» das persoas que, ao longo destes tres días, participarán no que Natividad González, responsable de Cultura na Deputación da Coruña, definiu como «a maior feira da industria cultural que temos no país (...). O maior escaparate da produción cultural galega».

Ata mañá e no marco da Culturgal, feira da que a Xunta volve ser principal patrocinadora, hai programadas preto de duascentas actividades. Neste eido, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, fixo especial fincapé na solidez e a competitividade da industria cultural galega, á que puxo como exemplo de modernización e capacidade de adaptación aos novos formatos e hábitos de consumo. A Consellería destinará ao sector 105 millóns nos presupostos de 2024, ao tempo que defendeu que o sector cultural precisa tamén do compromiso do Executivo central para garantir «un desenvolvemento innovador e competitivo nos vindeiros anos».

Tal e como explicou, trasladoulle ao novo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, unha carta reiterándolle a importancia da elaboración dun PERTE para a cultura para fortalecer e recoñecer o seu valor para a sociedade e o seu peso na economía. Tamén incidiu na necesidade de que, no marco do PERTE da Nova Economía da Lingua, se trasladen a Galicia os fondos necesarios para que o galego forme parte dos novos usos tecnolóxicos ou da intelixencia artificial ao mesmo nivel que calquera outra lingua co Proxecto Nós.

Potencia cultural

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fíxolle un guiño ás deputacións de Lugo e Ourense ao sinalar que «estamos desexosos de que máis institucións se incorporen ao Culturgal». Mostrouse convencido de que isto significaría un pulo para que a feira «seguiría renovándose e ampliándose». En todo caso, destacou que a cita pontevedresa permite amosar «a potencia cultural de Galicia. Se de algo podemos presumir neste país, é da calidade da nosa cultura».

Leilía despídese dos escenarios tras 34 anos de carreira

A de hoxe será unha xornada moi especial na historia do Culturgal. A fin de contas, Leilía despediranse en Pontevedra dos escenarios tras 34 anos de carreira cun concerto enmarcado na súa xira Anque me vou non me vou.

Dende a Xunta de Galicia destacaron o feito de que, «con máis de tres décadas de traxectoria, seis discos publicados, numerosos recoñecementos e milleiros de quilómetros percorridos de escenario en escenario, Leilía forma parte xa do imaxinario colectivo galego como referente na difusión da música tradicional galega e do papel das mulleres na conservación e transmisión deste legado». Na actuación desta noite (21 horas), a agrupación, a bo seguro, interpretará algúns dos seus temas máis emblemáticos, así como do seu último disco, Vidas cantadas.

Esta actuación pechará unha xornada na que a diferentes correntes culturais estarán representadas no Culturgal. Así, entre outros eventos programados, Silvia Penide presentará ás 12 horas o seu novo disco Mientras dura el aplauso, mesma hora na que o Museo Centro Gaiás e itinerancias fará o propio coas exposicións Cidades no tempo; Barreiro. O silencio que chove luz na xanela; e Habitats. Natureza estendida.

Una hora máis tarde, Suso de Toro, Ana Pontón e María Reimóndez, e con Fran Alonso, director de Xerais, como presentador conversarán arredor dos libros sobre a portavoz nacional do BNG. Tamén ás 13 horas presentarase a primeira análise que se realiza en Galicia sobre todos os axentes participantes na cadea de valor da industria musical, mentres que, xa ás 16 horas, PuntoGal abordará as Feiras de autoedición en Galicia, proxectaranse avances de media ducia de películas que se estrearán nos vindeiros meses, e desenvolverase un evento para conmemorar o décimo aniversario de Deica.

Ás 18 horas, Kiko da Silva presenta a tradución ao galego de Cando sopra o vento, de Raymond Briggs, e, xa ás 19 horas, Bernardo Atxaga fará o mesmo co seu libro Exteriores do paraíso, que publica a editorial Kalandraka